Friday 19 de April de 2024

O Concurso de Disfraces de Brión repartirá 2.750 euros en premios e porá o punto e final ao Entroido na comarca o domingo 5 de marzo


As inscricións estarán abertas na Casa da Cultura (981 509 908) ata o 28 de febreiro. Non se admitirán inscricións o mesmo día do concurso

O Concello de Brión convoca o seu Concurso de Disfraces de Entroido, que repartirá 2.750 euros en premios e terá lugar o domingo 5 de marzo, poñendo así o punto e final ás celebracións de Entroido na comarca compostelá. O prazo de inscrición estará aberto ata o 28 de febreiro, ben presencialmente na Casa da Cultura de Brión, ben no teléfono 981 50 99 08, de luns a venres en horario de 9:00 a 15:00 horas.

Todos os participantes deberán participar no desfile de Entroido, que sairá o domingo 5 de marzo, ás 16:30 horas, dende a Carballeira de Santa Minia e percorrerá as rúas de Pedrouzos ata o Pavillón Polideportivo Municipal, onde terá lugar o concurso e unha gran festa de disfraces. Os participantes estarán acompañados pola música da charanga Os Celtas. Unha vez finalizado o concurso, a orquestra Ritmo Joven amenizará coa súa música a tradicional festa de Entroido, que se prolongará ata ben entrado o serán.

Categorías

As bases do concurso establecen un total de cinco categorías. Na Categoría Infantil participarán nenos e nenas menores de 11 anos. Na modalidade individual repartiranse cinco premios de 60, 50, 40, 30 e 20 euros canxeables por libros, xogos ou material escolar. Na modalidade de parellas haberá tres premios de 100, 60 e 40 euros en vales canxeables. A categoería xuvenil, de 12 a 17 anos, contará exactamente cos mesmos premios e as mesmas categorías ca Categoría Infantil. Na categoría de adultos (maiores de 18 anos) haberá dúas modalidades: individual, con premios de 100 e 75 euros; e parellas, con premios de 150 e 100 euros.

Na Categoría de Grupos (de 3 a 9 persoas), haberá dúas modalidades: infantil/xuvenil, con tres premios de 150, 100 e 75 euros; e adultos, con tres premios de 200, 150 e 100 euros. Finalmente, na Categoría de Comparsas (10 ou máis persoas) concederanse tres galardóns de 300, 250 e 200 euros. Por segundo ano consecutivo non haberá Categoría de Carrozas, debido á escasa participación rexistrada en edicións anteriores. As bases do concurso poden consultarse e descargarse na web municipal www.concellodebrion.gal

O xurado valorará a orixinalidade, a calidade do traballo dos disfraces e dos complementos, así como o propio lucimento do disfrace no escenario do pavillón polideportivo, onde os concursantes terán un tempo limitado de 3 minutos (presentacións individuais ou parellas), 5 minutos (grupos) e 8 minutos (comparsas). A música que acompañe ás actuacións de cada grupo deberá ser entregada á organización antes do 24 de febreiro e queda prohibida a utilización de animais e efectos especiais (lume, fume, etc) que non teñan sido autorizados previamente pola organización.